martes, 28 de agosto de 2012

"LUGAR DO MOURO" EN TABOEXA,

Anque vivo a carón dunha ampla e fermosa estrada, a un kilómetro do nó do empalme coa autovía das Rías Baixas, a miña casa está pegadiña a unha extensión montañosa, formando un frondoso e meigo bosque, chamado "A Adreira".
Noutro día, recordando tempos pasados, rubín pola ladeira deste monte, e chcguei axiña aos muíños e pozas que teñen o mesmo nome.



¡Cantas veces abrín e tapei estas pozas, xa fora para regar ou para que os muíños andaran!


Cubo do muíño das Cascoñas



E...¡Cantas....puña estes muíños a traballar. Isto facíao de neno, ou nas vacacións, porque aos 14 anos fun para o Seminario de Túi! Nesta pedra, que estades vendo, chamada "o pousadoiro" puña o saco de gran, para abrila porta. Vertía o millo na "adella" e déla baixaba ao "adellón"; levantaba o "pexadoiro" e axiña  a "mó" xiraba sobre o "pé"; puña o "tangaño" para que vertese o gran no ollo da mó, e despois regulaba o "erguedoiro" para que a faríña saíra ben miúda. Ó remate, con unha pequena vasoira e un recolledor aproveitaba a fariña arrimada ó pé, o gluten ou flor, que recollía nunha saqueta aparte, porque era especial para facelas papas. O resto, metía toda no saco.
Deixei de pensar nas muiñadas e andei monte arriba.Collín a dereita e atopeime con outro regueiro, chamado "Da Coutada". ´Ó lado, no cumio do "Coto de Millaxendo ou da Coutada", preto da "Escola da Baldeira", puiden apreciar un belo miradoiro, que  acouga e  invita a fitar  todo o seu panorama.




Á miña fiel acompañante "Patuquiña" tamén lle gustan estas andainas polo bosque. O dela e fitar e cheirar todo o que atopa.


Deixei o camiño da "Costa do cego", que está a dereita, e fun ao Sur, chegando axiña ao "Lugar do Mouro".
Un camiño chan e longo, con antigas casas de pedra a destra e sinistra,  invita a entrar. Son ruínas do pasado,  fogares antiquísimos, que aínda conservan as súas portas e fiestras, os seus fornos e as súas pías. É mágoa poida só mostrar un par de fotos, cando teño tantas... e moi bonitas, por certo.





Centenarias árbores, entrelazando as súas robustas pólas, como  facendo reverencias aos que por alí pasan, invitan coas súas sombras a un apetecido repouso. Era no mes de Agosto e o sol expandía de cheo os seus abrasadores raios.. Senteime nun valado e represetóuseme a prehistoria destes lugares, o bulir daquelas xentes por estes montes, o brincar dos nenos... e quedei abraiado como se a "Moura" dos contos ou dos tempos aqueles me azougara.
Tan ensimesmado estaba, que, cando espertei, alí estaba "A Moura", o meu carón, cos seus longos cabelos e o seu peite d´ouro. Viña a explicarme cousas daquela...e tal como mo dixo, así volo conto:
"Naqueles tempos, en alén e aquén do Miño, os galaicos viviamos moi ledos".
"Daba gusto velos nosos nenos saltando de pedra en pedra, de laxe en laxe, correndo detrás dos cabritos, das lebres e das galiñas, a quen, ás veces, escorrentaban dos seus niños e collían ducias de ovos. Os maiorciños xa montaban en crías de cabalos"
"¡Ai, que tempos aqueles!"




"Tiñamos altares gravados nas laxes, e alí rezabamos á Cal Leach, a nosa Nai Terra, quen nos traía a este mundo, nos alimentaba, e ó morrer nos apretaba con agarimo, facéndonos deuses como ela".
"¡Ai, que tempos aqueles!"


"Viñeron os romanos e foron a nosa desgraza. Estes montes quedaron tinguidos en sangue dos nosos mozos, que loitaron ata morrer. Vencéronnos e impuxeron a súa cultura..e facíannos baixar dos montes".


Ó fin os cristiáns, peores cos romanos, quitáronnos as nosas crenzas, os nosos altares, os nosos costumes. Facían capelas para soterrar aos seus mortos...e ríanse das nosas mámoas".
¡Ai, que tempos aqueles!".
"Alá abaixo era todo un "ruxe ruxe, un bulir, facendo casas, traballar terras e facer camiños. Ata chegaron a querer cristianizar os nosos altares gravando cruces neles. ¡Que aldraxe!. Fitabamos a cotío para eles  e chorabamos de pena".
"¡Ai, que tempos aqueles!".

Romanos e cristiáns e algúns dos nosos viñeron a invitarnos a baixar. Non quixemos. Era renunciar a todo o noso, era morrer. Algúns do Corvo, de Altamira e Nós proseguimos nos montes, vivindo nas nosas covas e soterrando nas mámoas aos nosos mortos.
"¡Ai, que tempos aqueles!".
Entón, os cristiáns comezaron a chamarnos pagáns, xentes esfarrapadas, habitantes das covas, dos Castros...das mámoas. Usando verbas celtas e indoeuropeas nos chamaron "mir-uos","mr-tuos"...que dexeneraron en "mortuos"  e máis tarde en "Mouros". E a xente comezou a ternos medo"
"¡Ai, que tempos aqueles!".
"Nos, antes cos romanos xa escavabamos nos montes en procura de ouro. Algunhas veces baixabamos a trocar leite e viño por unha pedra de ouro. A xente quedaba abraiada co noso rico metal. E contaban que lles aparecera a "Moura".  E tal  lenda foise transmitindo de xeración en xeración, fantasiando as cousas.. e co tempo, a lenda foise facendo máis lenda"
"¡Ai, que tempos aqueles!".
¡E, hai tantos... que coidan que este lugar chámase "O Mouro"... porque habitara un mouro nél.! Xa é hora que saiban que tal nome procede dos "Castros", tendo por tanto preto de 3.000 anos de antigüidade.
Estáballe dando voltas ao conto da Moura, mais, cando me decatei, xa desaparecera.
Sigo andando paseniño. Os raios do sol baten arreo. E... chego a carón dun sorprendente gravado na rocha, un de tantos altares de pedra  agochados nos montes desta parroquia.

A famosa pedra dos falos
Cada vez que contemplo esta gravación, paso tempo fitando para ela, e non deixo de afirmar que é un simbolismo perfecto da puberdade e ao mesmo tempo dun rito.. A relación entre os dous falos o da esquerda duns 24,5 centímetros, o do adulto, que apunta áo Ocaso, eo da dereita, o do púber,  duns 23 centímetros, un pouco flácido, e orientado ao Nacente e á outra gravación que está ao lado, fai pensar na necesidade dun rito, manifestado pola coviña central.

Este gravado está pretiño do anterior. O falo do púber apunta a dirección desta coviña. Eu sigo crendo que é unha pedra ritual complementaria da dos penes. Hai quen afirma é unha lagarete de aceite... Pero daquela non había aceite en Galicia. Outros din poida ser unha lagareta de viño. Sentado na pedra, estaba cavilando no asunto..., cando algo ruxe ás miñas costas... era a Moura de novo, quen, sorrindo, comezou a explicarme para sacarme de dúbidas.
"Este era un dos nosos altares. Tódolos anos celebrabamos no día décimo para as Calendas de Abril, (o sexa o 21 de Marzo, cando a Primavera), o Rito da Aspersión dos púberes"
"¡Ai, que tempos aqueles!".
Había cada ano uns 80 nenos, que comezaban a ser mozos, e tiñan xa que coller responsabilidades na comunidade. Tiñamos un druida, que era o noso médico, sacerdote e mestre, quen adoutrinaba aos tales mozos na intimidade do bosque, inculcándolles o amor, responsabilidade  e adicación ao seu pobo. Mentres, nós adornabamos con flores este lugar. Chegaba o día, e os mociños, despois de bañarse con auga de rosas e mel e pór roupa nova, chegaban ata aquí,  recibidos con aplausos, aturuxos e cantos"
"¡Ai, que tempos aqueles!".
"Vouche a explicar o gravado deste noso altar: A nosa Deusa Terra  pedía aos deuses do ceo chuvia, un don divino, que  recollia durante o ano esta coviña grande, beizoada a cotío polo sol e a lúa.. Con esta auga o druida rociaba aos púberes, quedando transformados en adultos e coas obrigas de servir ao pobo. ¡Coitadiños!. ¡Que fermosos e rexos eran aqueles rapaciños!".
"¡Ai, que tempos aqueles!".
"O gravado, que está ó lado explica todo esto. A pequena coviña que está no medio dos dous penes expón a necesidade deste ritual, e a relación do adulto, que xa o recibiu, coa do puber, que necesita dél"
"¡Ai, que tempos aqueles!".
"A Igrexa copiou de nós. Comezaron a  soterralos mortos dentro das capelas, a pór cruceiros nas encrucilladas e a imitalas nosas coviñas... e tantas cousas máis. Tiñan pías dentro das igrexas e nelas rociaban tamén aos seus cativos".
"¡Ai, que tempos aqueles!".


Desperto, como dun sono. A Moura xa non estaba. Voltou a desaparecer. Cando che pasan estas cousas, quedas como entre nubes, ameigado, pensativo e abraiado.
Levanteime, e sen deixar de pensar na "Moura" e no seu conto, sigo o camiño que vai a dar a faldra do Castro de Altamira e á Igrexa.
Camiño que está en total abandono. As augas do regueiro de "A Rubial" perderon a súa canle e o camiño servelle de leito. Rogaría a alguén con autoridade na parroquia ou no Concello, botara unha manciña e arranxara esta desfeita.
A carón deste camiño pódense apreciar as ruínas dos muíños, chamados: "O muíño vello, muíño de Ambrosio, muíño do Cambra, muíño do Marco, muíño da capela e o muíño do crego, detrás da Igrexa".



Muíños, todos eles, que atraen a curiosidade dos camiñantes e falan de tempos pasados... e de tantas muiñadas  nasque mozas e mozos aproveitaban para namorar.

Tamén estas escaleiras teñen moito que contar. Xa falei delas na entrada do "Cambra".¡Cantas veces baixaría e subiría por elas, de neno, para a súa casa, onde naceu e se criou.



E remato no "muíño do Crego". Que, por certo, xa non é do crego, foi vendido a un particular. ¡Cousa incrible!. No seu "inferno", anque desfeitas, pódense apreciar pezas, como " o arrieiro, ra, agulla, rodicio coas penas, touzo, lovete e pexadoiro".
Animo aos meus lectores e a todos que teñan o "aquel" de atoparse coas marabillas desta parroquia de Taboexa, fagan este percorrido, vieiro, ou sendeirismo como se chama hoxe. Seguro, que quedarán con ganas de recuncar. ¡Ah!... e que teñan a sorte de atopala "Moura".


1 comentario:

  1. SEGA GENESIS - GAN-GAMING
    SEGA GENESIS. GENESIS-HANDS. Genesis sol.edu.kg (JP-EU). NA. NA. NA. herzamanindir.com/ SEGA GENESIS-HANDS. NA. SEGA worrione.com GENESIS. NA. GENESIS-HANDS. NA. https://deccasino.com/review/merit-casino/

    ResponderEliminar